A Liga Internacionalista Galega é unha organización anti-imperialista
que desenvolve a súa actividade no campo da información alternativa e da loita ideolóxica.

Achegarmos á opinión pública galega información, argumentos, debates e análises, que son a voz dos povos que loitan pola súa liberdade, que rexeitan a opresión imperial, 
o colonialismo, o racismo e o sionismo, o saqueo neo-liberal dos seus recursos, 
a destrución das súas identidades e culturas populares.

Informarmos para xenerar consciencia. Conscienciarmos para xenerar acción. Rachar o muro de silencio mediático que nos oculta a voz da infinita diversidade de resistencias 
que polo mundo son.

Saber das loitas doutros povos para dar forza á nosa propria. Pór Galiza no mapa do mundo, con voz de solidariedade.

Cada mes, desde setembro o xornal
Povos en Loita procurará dar conta da información internacional máis salientábel, aquela que non sae na televisión, que a COPE silencia ou que a SER terxiversa (e vice-versa), a que os xornais do país maltratan (ou nen tratan).

Cada día, no sitio web
www.ligainternacionalistagalega.org daremos voz galega á resistencia dos povos contra a inxustiza social, a guerra, o capitalismo.

Con regularidade, emitiremos boletíns de noticias por mail, coa información máis urxente, editaremos materiais audio-visuais, dossiers documentais e realizaremos campañas informativas, para que se escoite alta e clara a voz dos povos en loita e da solidariedade internacionalista do povo galego.

Tomarémonos moi en serio estas palabras lidas hai anos nun muro de Montevideu:
Proletarios de todos os países, unídevos ! (último aviso !!!)